ORDE do 31 de marzo de 2020 pola que se acorda a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación do procedemento de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, tramitados pola Secretaría Xeral de Emprego así como polas respectivas xefaturas territoriais en función dos respectivos ámbitos territoriais de afectación.En virtude do disposto no artigo 23.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, do Consello da Xunta, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,
ACORDO: Declarar aplicable a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación de todos os procedementos de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19 incluída a declaración do estado de alarma, que tramiten a Secretaría Xeral de Emprego e as xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ampliando cinco días o prazo previsto no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.