Medida de apoyo

Medida de apoyo

MEDIDAS DE APOYO A LA ACTIVIDAD ECONÓMICA
-->> Comercialización  de  productos  agroganaderos  de  proximidad  con  motivo  de la suspensión  de  actividades  comerciales  por el COVID-19
ORDE do 13 de abril de 2020 pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19
DOG.Núm.71 - Martes, 14 de Abril de 2020
Organismo : Consello da Xunta de Galicia
Organismo gestor: Consellería do Medio Rural

A  Xunta  de  Galicia  considera  imprescindible  promover  canles alternativas que permitan a saída destes produtos ao mercado, logrando conter a perda de recursos do sector. Para tal fin, acaba de pór en funcionamento a rede Mercaproximidade para a venda desas producións frescas e de calidade, identificables para que as persoas consumidoras, que non poden acudir para o seu abastecemento ordinario aos mercados locais  tradicionais  nin  consumilos  directamente  en  establecementos  de  hostalaría  e  restauración, poidan atopalos e identificalos con claridade nos establecementos de venda de alimentos que permanecen abertos. Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira,  a  protección  e  control  da  sanidade  animal  e  vexetal,  a  defensa  da  produción  nos  cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, segundo o previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e demais disposicións do corpo normativo ditado en sede do estado de alarma decretado por razón da emerxencia sanitaria COVID-19 actualmente existente.

 
DISPOÑO:
 
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
 
1.Esta orde ten por obxecto a posta en funcionamento dunha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de facer fronte á perda de ingresos de persoas agricultoras e gandeiras do sector primario con motivo da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que decreta a suspensión da apertura dos equipamentos e actividades de hostalaría e restauración e que, xunto coa prohibición da realización de mercados tradicionais nos concellos de Galicia establecida no artigo 2.1 da Orde da Consellería do Medio Rural do 23 de marzo de 2020, supoñen a imposibilidade de empregar esas canles habituais para a comercialización deses produtos.
2. A canle alternativa funcionará mediante a posta en contacto por parte da Consellería do  Medio  Rural  dos  agricultores,  gandeiros  e  industrias  de  transformación  de  produtos  agrogandeiros  que  se  adhiran  a  ela  cos  establecementos  de  comercialización  a  que  se  refire o punto primeiro do artigo 4.
3. A rede recibe o nome de Mercaproximidade e a súa instrumentación e funcionamento será a través da páxina web da Consellería do Medio Rural e do correo eléctronico previsto no número 1 do artigo 3.
 
Artigo 2. Operadores que se poden integrar na rede
 
1. Poderán adherirse á rede en calidade de provedores:
a)  As  persoas  físicas  e  xurídicas  agricultoras  e  gandeiras  titulares  de  explotacións  ins-critas  no  Rexistro  de  Explotacións  Agrarias  de  Galicia  (Reaga).  En  particular,  no  caso  de  produtos non transformados, deberán estar integradas na sección de venda directa (Sevedi) do  Rexistro  de  Explotacións  Agrarias  de  Galicia.  Poderían  incorporarse  mediante  a  súa  adhesión á rede, entre outros, e sen ánimo de exhaustividade, os seguintes produtores:
– Produtores de froitas e hortalizas
– Produtores de mel e produtos apícolas
– Produtores de carne de vacún, porcino, ovino e cabrún.
b) As industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias a que se refire o artigo 41 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, integrado no Rexistro industrial de Galicia, segundo a disposición adicional primeira do Decreto 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o regulamento dese rexistro.
2. A adhesión á rede dos provedores sinalados no número anterior farase preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, as asociacións de produtores e os consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas, logo de mandato ao seu favor outorgado polo produtor.
3. Os provedores poderán adheirse á rede ben individualmente ben a través das entidades a que se refire o número anterior, e deberán optar, no momento da adhesión, por unha ou outra vía. Sen prexuízo do anterior, os provedores poderán modificar, en calquera momento, o sistema de adhesión escollido.
 
Artigo 3. Requisitos para integrarse na rede Mercaproximidade
 
1.  Os  operadores  deberán  manifestar  expresamente  a  súa  adhesión  á  rede,  a  través  dun correo electrónico dirixido a mercaproximidade@xunta.gal, indicando para tal efecto os seus datos de contacto, concretamente un enderezo electrónico; os datos básicos da explotación e o tipo de producións. Coa adhesión á rede achegarase unha declaración responsable na cal se faga constar expresamente a imposibilidade de canalizar a saída comercial da súa produción polas vías habituais, nos mercados locais tradicionais ou na hostalaría e restauración, e que esa vía supón como mínimo o 50 % dos seus ingresos, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración cara a verificar o contido da devandi-ta declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2.  No  caso  de  que  a  adhesión  á  rede  se  faga  a  través  dunha  organización  agraria,  asociación  de  produtores  ou  consello  regulador,  estes,  ademais  de  achegar  para  cada   provedor que  representen  o  exixido  no  número  anterior,  deberán  achegar  a  relación  de  produtores representados.
3. Os produtores adheridos á rede veñen obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais normativa aplicable que resulte exixible de conformidade con cada tipo de produción. Igualmente,  as  persoas  produtoras  que  se  adhiran  á  rede  deberán  cumprir  as  condicións e os requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as producións.
 
Artigo 4. Medidas de divulgación e fomento da rede, das producións que integra e das entidades colaboradoras
 
1. A Consellería do Medio Rural fomentará e divulgará a existencia da rede Mercaproximidade entre as grandes cadeas de distribución, empresas dedicadas á subministración de colectividades, plataformas en liña de comercialización de produtos agroalimentarios e similares co fin de que merquen as producións integradas na rede, as cales, dada a condición  perecedoira  de  moitas  delas,  deben  ser  postas  no  mercado  coa  maior  brevidade  posible.As condicións e pactos que, de ser o caso, alcancen as partes para a venda e a adquisición dos produtos rexeranse pola autonomía da vontade.
2. Sen prexuízo do anterior, a Consellería do Medio Rural desenvolverá unha campaña de sensibilización entre as persoas consumidoras a prol deses produtos, poñendo en valor a súa orixe e calidade, así como a contribución que o seu consumo supón para a viabilidade e o mantemento do sector agrogandeiro galego. Para tal efecto, os produtos de Mercaproximidade estarán perfectamente identificados na súa presentación comercial co fin de que as persoas consumidoras coñezan a súa orixe e o seu vínculo con esta iniciativa.
3. Na páxina web da Consellería do Medio Rural publicarase e manterase debidamente actualizada a relación de entidades que adquiran eses produtos; as devanditas entidades terán a consideración de entidades colaboradoras da rede Mercaproximidade. A relación de  entidades  que  adquiran  os  produtos  da  rede  será  tamén  publicitada  na  campaña  de  sensibilización a que se refire o número anterior.
4. A Consellería do Medio Rural poderá, con carácter excepcional, habilitar os oportunos instrumentos para articular axudas directas a agricultores/as e gandeiros/as ou industrias de transformación de produtos agrogandeiros integrados na  rede  Mercaproximidade. 

En  particular e de conformidade co establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural poderá adquirir directamente producións das sinaladas no artigo 2, e que, polo tanto, están dentro desta rede, para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias de servizos sociais no contexto da loita contra o COVID-19.
 
Disposición derradeira. Entrada en vigor. Esta  orde  entrará  en  vigor  o  día  seguinte  ao  da  súa  publicación  no  Diario Oficial de Galicia