Medida de apoyo

Medida de apoyo

MEDIDAS DE APOYO A LA ACTIVIDAD ECONÓMICA
-->>  Línea de ayudas  a empresas y otros operadores económicos para la fabricación de productos relacionados con el COVID-19
RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2020
DOG.Núm.78 - Jueves, 23 de Abril de 2020
Organismo : Consello de dirección
Organismo gestor: IGAPE

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2020 pola que se invitan as empresas e outros operadores económicos para que manifesten o seu interese de acceder a unha liña de axudas aos investimentos para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19.

A Lei 5/1992, de creación do Igape, establece como funcións propias do Instituto o desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a conseguir os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No ámbito das súas funcións e no actual contexto provocado pola epidemia do COVID-19, o Igape está levando a cabo distintas actuacións para dar unha resposta á crise sanitaria e económica que está a supoñer a pandemia.

O pasado 15 de abril de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 72 a Resolución do director xeral do Igape, do 13 de abril de 2020, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Para dar continuidade ao cumprimento dos obxectivos fixados nesas bases, o Igape está valorando a posibilidade de publicar unha convocatoria de axudas dirixidas a investimentos de maior envergadura, levadas a cabo por pemes galegas, para a fabricación de produtos que sirvan para combater o abrocho do COVID-19, desde medicamentos e os seus produtos intermedios, ata os equipamentos de protección individual, importantes principalmente para o persoal sanitario que está a combater en primeira liña os afectados fisicamente polo virus, pero tamén para os traballadores e as persoas en xeral, que necesitan protexerse ou protexer fronte ao contaxio.

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas e para os efectos de dispor da suficiente información para o seu deseño, alcance e planificación orzamentaria, considérase necesario efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que as pemes galegas que así o desexen poidan manifestar as súas intencións de investimento para a fabricación dos referidos produtos, indicando as súas características.

Dado que se dispón dun marco legal específico (sección 3.8. do Marco temporal relativo ás medidas de apoio estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual abrocho de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), modificado mediante a Comunicación da Comisión Europea do 3 de abril de 2020 (2020/C 112 I/01) (DOUE do 4 de abril de 2020)), as manifestacións de interese deberán ter en conta as disposicións e limitacións que aí se establecen.

Enténdese que o presente anuncio previo e a apertura do prazo para a presentación de manifestacións de interese, ademais de permitir á Administración coñecer se existen pemes interesadas en participar nunha eventual convocatoria e as características dos seus proxectos, pode permitir que as empresas planifiquen axeitadamente os seus investimentos e garantir a transparencia, enmarcando a convocatoria no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A invitación é aberta e diríxese ás pemes interesadas en levar a cabo investimentos para a fabricación de produtos relacionados con COVID-19 en Galicia.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro

Anunciar que o Igape está estudando a convocatoria de axudas dirixidas ás pemes galegas que leven a cabo investimentos para a fabricación de produtos relacionados co COVID-19 nos seus centros produtivos da Comunidade Autónoma.

Segundo

Sen prexuízo de restricións ou consideracións adicionais, prevese incardinar estas axudas no disposto na sección 3.8. do Marco temporal relativo ás medidas de apoio estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual abrocho de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), modificado mediante a Comunicación da Comisión Europea do 3 de abril de 2020 (2020/C 112 I/01) (DOUE do 4 de abril de 2020).

No relativo a subvencións directas, o Marco temporal, na súa sección 3.8., establece os seguintes requirimentos:

1. As axudas aos investimentos concédense para a produción de produtos relacionados co COVID-19, como os medicamentos (incluídas as vacinas) e os tratamentos, os seus produtos intermedios, os ingredientes farmacéuticos activos e as materias primas necesarias para a súa produción; de produtos sanitarios, equipamentos hospitalarios e médicos (incluídos os respiradores, a roupa e o equipamento de protección e as ferramentas de diagnóstico) e as materias primas necesarias para a súa produción; dos desinfectantes e os seus produtos intermedios, así como das materias primas químicas necesarias para a súa produción; e das ferramentas de recollida e/ou tratamento de datos.

2. As axudas en forma de subvencións directas poden concederse, como máis tarde, o 31 de decembro de 2020.

3. Para os proxectos iniciados a partir do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador. Para os proxectos iniciados antes do 1 de febreiro de 2020, considerarase que a axuda ten un efecto incentivador se é necesaria para acelerar ou ampliar o alcance do proxecto; en tales casos, só se poderá solicitar a axuda para sufragar os custos adicionais relacionados cos esforzos de aceleración ou ampliación do alcance.

4. O proxecto de investimento deberá completarse nos seis meses seguintes á data de concesión da axuda. Un proxecto de investimento considérase completado cando as autoridades nacionais o aceptan como tal. No caso de que non se cumpra o prazo de seis meses, por cada mes de atraso reembolsarase o 25% do importe da subvención directa concedida.

5. Os custos subvencionables refírense a todos os custos de investimento necesarios para a produción dos produtos enumerados no punto 1 anterior e aos custos dos ensaios en liña das novas instalacións de produción.

6. A intensidade de axuda non superará o 80 % dos custos subvencionables, nin o importe de axuda excederá os 800.000 € por empresa por todos os conceptos de axuda global amparados no referido marco temporal. No caso de que a empresa pertenza ao sector da pesca e acuicultura, o anterior límite é de 120.000 € e, se a empresa pertence ao sector da produción primaria, o límite é de 100.000 €.

7. A intensidade máxima da axuda admisible en porcentaxe da subvención directa pode incrementarse en quince puntos porcentuais adicionais se o investimento conclúe nos dous meses seguintes á data de concesión da axuda, ou se o apoio procede de máis dun Estado membro.

8. A axuda no marco desta medida non poderá combinarse con outras axudas ao investimento polos mesmos custos subvencionables.

9. Non se pode conceder a axuda ás empresas que se atopasen en situación de crise en 31 de decembro de 2019, segundo a definición de empresa en crise recollida no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Terceiro

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo de catro días hábiles desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que as pemes que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían levar a cabo e suxestións sobre o marco de axudas que empregarán.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Investimento) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

https://sede.xunta.gal (servizo PR004A - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1 - Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Cuarto

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Quinto

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sexto

O Igape revisará as manifestacións de interese entregadas e poderá convocar os interesados co fin de obter máis información sobre as propostas.