La Diputación de Pontevedra mantendrá todas las ayudas a los festivales de cine de la provincia
A institución e os festivais avanzan na creación dunha marca propia e xa se estuda a elaboración dun protocolo único que dea seguridade aos eventos
A Deputación de Pontevedra manterá todas as axudas e subvencións aos festivais de cinema da provincia, segundo confirmou hoxe a presidenta, Carmela Silva, ás organizacións dos eventos e aos concellos nos que se desenvolven, a fin "de apoiar unha vez máis á cultura, ao cinema que tanto pulo dá a esta provincia, e a saír reforzados e reforzadas socialmente desta crise".
Na reunión telemática, na que se confirmou que todos os festivais aprazarán a súa celebración ao último cuadrimestre do ano, tamén se avanzou na creación "dunha marca propia de calidade" que integre a todos os festivais, que será escollida de forma consensuada, e que terá unha presentación oficial despois da cita electoral de xullo. Unha marca propia permitirá que o cinema poida entrar noutros circuítos de promoción da provincia, ademais do cultural, como é o turístico xa que, como dixo Carmela Silva, "elo entronca directamente co modelo de turismo cultural e sostible cara a Axenda 2030 que defendemos na institución". Ademais, a Deputación de Pontevedra poñerá en marcha unha potente campaña, tanto en liña como offline, na que tamén se mercará un lote de entradas para sorteos entre o público que sirva como acicate na súa difusión.
Asemesmo, ante a incerteza dos protocolos sanitarios que terán que aplicarse en función da evolución da COVID-19, Deputación e Festivais estudiarán a posibilidade de elaborar un modelo único para todos os eventos que permitiría harmonizar a súa posta en marcha e difundir unha marca de seguridade cara ao público. Da mesma forma, a presidenta provincial comprometeuse a facilitar á organización dos eventos "todo o material do que dispoñamos, tanto de sinalización, de deseño de espazos e incluso de protección como os dispositivos móbeis de control de temperatura, ademais da formación necesaria para usalos".
Polo demais, manteranse todas as axudas que os festivais teñen de prazo para solicitar ata o 13 de xuño, unha vez que se restablezan os procedementos administrativos o próximo 1 de xuño, e flexibilizaranse as condicións para a xustificación de gastos, se posibilitará a adaptación das memorias e poderá realizarse un anticipo de ata o 50 % da axuda. Serán gastos xustificables aqueles debidos á excepcionalidade da situación; os xa realizados para o evento aprazado dentro deste ano; os derivados da consecución de garantías sanitarias e os derivados de campañas de promoción atemporal enmarcadas no relanzamento dos festivais cara a 2021. Incluso se está a estudiar algunha medida de apoio para o caso de suspensión dalgún festival, aínda que se se están a facer os esforzos necesarios para que non se cancele ningún.