A Xunta destina 10 millóns de euros a fomentar a cooperación e a concentración empresarial tras a emerxencia sanitaria
José González destacou esta medida por actuar como panca de competitividade e produtividade entre o tecido empresarial galego
A Xunta destinará un total de 10 millóns de euros á medida de fomento da cooperación e da concentración empresarial, como panca de competitividade e produtividade entre o tecido empresarial galego. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, quen mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con representantes das asociacións de produtores e das cooperativas galegas, para explicarlles as principais medidas do Plan de reactivación e dinamización que impulsa a Consellería para facer fronte á crise provocada pola covid-19 nos sectores primarios da nosa comunidade.
Neste senso, José González destacou esta medida, que está dentro do eixe da sostibilidade dos sectores agrogandeiros e forestal, debido ao interese para as asociacións de produtores e para as cooperativas. Neste caso, trasladoulles que a través dela se rebaixarán os requisitos mínimos de tamaño nalgúns sectores -particularmente no lácteo- para a creación de organizacións de produtores, co fin de potenciar e fomentar esta figura entre os sectores produtivos galegos. Así mesmo, permitirá impulsar operacións como fusións, ampliacións de capital ou alianzas estratéxicas e vincular unha maior intensidade da subvención asociada a operacións de concentracións empresariais.
Seguido co eixe da sostibilidade, que na súa totalidade conta cun orzamento de 107,4 millóns de euros dentro do Plan, o conselleiro indicou que a Xunta instará ao Goberno central a que mellore a cobertura dos créditos de circulante, tanto para a exportación como co lanzamento dunha liña específica para empresas que operen no mercado nacional e na que teñan cabida as industrias do agro. Trátase pois, manifestou o titular de Medio Rural, de dotar de liquidez o sector primario e axilizar o pago de subvencións.
Para iso, sinalou José González, vanse poñer en marcha unha serie de plans específicos de reactivación dos sectores máis afectados pola covid-19, con participación dos operadores, co fin de buscar solucións a curto prazo que permitan formular propostas de actuación no eido da comercialización, da estrutura financeira ou dos stocks, entre outros.
Finalmente, o conselleiro remarcou o desenvolvemento de estratexias sectoriais para mellorar o posicionamento competitivo dos principais sectores produtivos do agro galego. Así, destacou as diferentes estratexias de dinamización que ten en marcha o seu departamento, como é o caso da do sector lácteo, a do viño e proximamente a da carne, que buscan precisamente fortalecer estes eidos tan relevantes na economía de Galicia.
Eixes e obxectivos
O Plan de Medio Rural conta cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e forma parte da planificación da Xunta para fomentar a reactivación económica tras a emerxencia sanitaria. Estrutúrase en cinco eixes de actuación, que van dende a promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos ata a sostibilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal, pasando polo reforzo da resiliencia do territorio rural, a formación, innovación e dixitalización e a simplificación e flexibilización administrativa.
A iniciativa ten tres obxectivos centrais: fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da crise da covid-19, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural.