A Xunta activa dúas novas liñas de axudas que dotadas con 18 millóns de euros e dentro do Plan de reactivación económica reforzarán a ciencia e a innovación
Feijóo destaca que unha das liñas correspóndese coa cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible; e a outra é unha nova orde de axudas para continuar na loita contra a covid-19
O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación de dúas novas liñas de axudas que, enmarcadas no Plan de reactivación económica, estarán centradas no reforzo de actividades de I+D+i na Comunidade, a través da dixitalización, o fomento de actividades económicas sostibles e a investigación na loita contra a covid-19.Logo de precisar que ambas iniciativas contarán cun investimento conxunto de 18 millóns de euros, Feijóo subliñou que, por unha banda, o Consello deu luz verde á cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible. Un programa que contará cun orzamento de 15 millóns, co obxectivo de mobilizar 49 millóns.
As axudas, de concorrencia competitiva, publicaranse nos vindeiros días e, tal como especificou o presidente da Xunta, estarán “dirixidas a empresas industriais de calquera tamaño, cun centro de traballo permanente na Comunidade e que desenvolvan un proxecto individual ou en colaboración cunha ou varias empresas, ou cun ou varios centros de coñecemento”.
“Apoiaranse tanto proxectos de I+D como de innovación en materia de procesos de organización e a intensidade de axuda oscilará entre o 15 e o 80%”, dixo Feijóo. Ademais de destacar que esta nova convocatoria incluirá como principais novidades: o aumento das contías dos proxectos, que poderán ser de entre 2 e 30 millóns de euros; o impulso da colaboración efectiva tanto entre empresas grandes con pemes, como entre empresas e organismos de investigación; e incluiranse nos criterios de valoración a consonancia co Pacto verde europeo.
Os proxectos terán unha duración mínima de tres anualidades. E, desde a súa posta en marcha en 2016, xa se concederon preto de 52M€ a 15 proxectos de 26 empresas, que mobilizaron 218M€.
Sobre este punto, o presidente da Xunta destacou que, no eido de Fábrica Intelixente e Sostible, Galicia é a primeira Comunidade de España tanto en contías como en investimento público e privado.
No tocante á segunda liña de apoio, esta consistirá nunha nova orde de axudas para continuar na loita contra a covid-19 e estará dotada cun investimento de 3 M€.
Feijóo destacou que o obxectivo é recuperar e apoiar desde Galicia aqueles proxectos que se presentaron á convocatoria do Instituto de Salud Carlos III e que, a pesar de conseguir unha avaliación positiva, non obtiveron asignación de fondos. Todo isto baixo a previsión de financiar o 100% de todos os proxectos avaliados positivamente – preto dunha vintena de proxectos científicos excelentes galegos que se mediron con máis de 1.400 expresións de interese na convocatoria do Instituto Carlos III—. O obxectivo é mellorar o tratamento da enfermidade, o seu diagnóstico ou o manexo clínico.
Na selección dos proxectos terase en conta: a súa excelencia científico técnica, ou o seu impacto. A convocatoria, que se prevé publicar nas vindeiras semanas, contempla pagamentos anticipados ata o 100% e non precisará a presentación de garantías.
O presidente do Goberno galego en funcións referiuse tamén a autorización da orde que recolle o pagamento de 3,62 millóns de euros en anticipos ás empresas concesionarias do transporte interurbano de viaxeiros por estrada, para ofrecer liquidez ao sector ante a perda de ingresos provocada pola covid-19.
Feijóo explicou que esta achega de liquidez será un anticipo á espera do Fondo covid-19 estatal, que está pendente de reparto por parte do Ministerio de Transportes e do que a Galicia lle corresponderían 25,3 millóns de euros.
O presidente da Xunta explicou que a achega de liquidez, realizada a través dos anticipos da Xunta, compensará o déficit de ingresos das concesionarias do servizo de transporte público interurbano entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020, é dicir, o período durante o que se prolongou o estado de alarma.
Logo de confirmar que as reducións medias no volume de usuarios chegaron a acadar niveis superiores ao 95%, Feijóo subliñou que, no caso dos contratos de transporte sen compensacións de obriga de servizo público, os anticipos compensarán: o 60% dos ingresos medios por vehículo/quilómetro realizado neste período; e o 20% dos ingresos medios por vehículo/quilómetro non realizado (equivalente aos custos medios fixos).
Pola contra, no caso dos contratos de transporte con compensacións de obriga de servizo público aboarase o déficit de ingresos por venda de billetes naqueles contratos nos que a venda ten un peso substancial no equilibrio da concesión.
Ademais, cómpre destacar que, durante os últimos meses, a Xunta xa estivo achegando liquidez ao sector do transporte co pagamento de anticipos por valor de 2,4 millóns. Así, en total o Goberno galego achega anticipos por valor de 6 millóns de euros ás concesionarias do transporte interurbano de viaxeiros por estrada á espera do reparto do fondo de 25 millóns de euros estatal.