A Xunta pon en marcha unha nova liña de préstamos dotada con 10 millóns de euros para achegar liquidez aos autónomos, microempresas e pemes
Feijóo destaca que serán préstamos directos de entre 3.000 e 500.000 euros por solicitante
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha dunha nova liña de préstamos dotada con 10 millóns de euros para achegar liquidez aos autónomos, microempresas e pemes con máis problemas de liquidez durante a covid-19.
“Serán préstamos directos de entre 3.000 e 500.000 euros” dixo, subliñando que esta nova axuda complementa as medidas xa postas en marcha para poder atender ás necesidades dos profesionais e sectores empresariais máis afectados pola covid-19.
Así, poderán acceder a estes créditos con xuros baixos e próximos ao 0%: os autónomos e as empresas que se dedican a ocupacións como a economía social; o ocio nocturno e a hostalería; a industria cultural e de lecer; as que realizan a súa actividade principalmente no verán, como as orquestras; e as que non teñen un emprazamento único, como os feirantes, entre outros.
Cómpre salientar que os beneficiarios disporán dun prazo para a devolución de ata 7 anos, nos que están incluídos tres de carencia. E poderán destinar os créditos a gastos de persoal, impostos ou arrendamentos, por exemplo.
Para que se poidan beneficiar o maior número de microempresas, pemes e autónomos e para axilizar a achega dos apoios, o titular da Xunta subliñou que esta nova liña contempla a simplificación de trámites e requisitos precisos para a concesión dos créditos.