O Concello investirá 36 millóns do seu aforro para “reactivar a economía”
A sesión plenaria aprobou este xoves as modificacións orzamentarias para engadir o remanente municipal, toda vez que o Goberno de España autorizou o seu uso. Coa millonaria partida adicional, o goberno de Vigo busca “minimizar as consecuencias socioeconómicas do Covid, xerar emprego e relanzar o consumo”
A Corporación aprobou por separado as modificacións para sumar, por un lado, 33 millóns ao orzamento do Concello -co apoio do goberno de Vigo, a abstención do grupo do PP e a oposición de Marea e o concelleiro non adscrito- e, en segundo lugar, outros 2,8 millóns ás contas da Xerencia de Urbanismo -co respaldo de todos os corporativos salvo pola abstención dos dous concelleiros da Marea e o edil non adscrito-.
Cun debate único, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo que a “prioridade” dos investimentos propostos con cargo ao aforro municipal é “reactivar a economía e minimizar as consecuencias socioeconómicas do Covid” na cidade, obras que “xerarán emprego e relanzarán o consumo”.
Cos remanentes se financiarán medio centenar de obras “atendendo a todo Vigo”, valorou Aneiros, e se engadirán aos 23,2 millóns de euros que o Concello ten actualmente en proceso de contratación, sen contar coas partidas que chegarán das contas da Deputación e da Unión Europea, cifras que converten a Vigo no primeiro concello galego en licitación de obra pública.
O debate político xirou en torno ao uso social do aforro e aos apoios á hostalería e ao comercio. O goberno vigués defendeu o investimento en obra pública como xerador de emprego, dinamizador da economía e elemento de reactivación do consumo, mentres que a oposición apostaba por conxugalo con axudas directas, en diferentes contías en función do partido político que as presentara.
As emendas xa foran rexeitadas antes do Pleno deste xoves argumentando que o investimento público supón tamén apoio ao comercio a través do consumo e que a competencia na materia corresponde á Xunta de Galicia. Non obstante, o goberno local recordou no Pleno que, neste 2020, máis de 10.500 persoas recibiron atención social do Concello de Vigo, unha política social “sen límite orzamentario” que medrou máis dun 280% con respecto á etapa da anterior alcaldesa de Vigo. Ademais, a chamada “taxa cero” para as terrazas foi cifrada en tres millóns de euros que o sector deixa de abonar anualmente ao Concello.