A Xunta perfila cos representantes da hostalaría un segundo Plan de rescate para facer fronte ás novas restriccións sanitarias
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e a conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha xuntanza coa Mesa negociadora da hostalaría en Galicia, para definir novas liñas de apoio que aporten liquidez aos establecementos de hostalaría e restauración na Comunidade
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e a conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, mantiveron esta tarde un encontro de traballo coa Mesa negociadora da hostalaría de Galicia -na que están representados as asociacións provinciais desta actividade- para consensuar novas liñas de apoio aos establecementos nesta fase da pandemia.
A Xunta trasladou aos representantes o compromiso de seguir ao carón dos sectores que máis están a sufrir as consecuencias desta pandemia. Neste sentido, insistiuse ante os membros da Mesa en que cada medida reflexionada que o Goberno galego activa por recomendación sanitaria, vai acompañada de apoios reais ás actividades afectadas.
Seguindo este compromiso, e tal e como se fixo no mes de novembro, na xuntanza de hoxe avanzouse o traballo cara a perfilar un novo Plan de Rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia.
Este segundo Plan terá unhas características similares ao que se puxo en marcha a finais de ano, aínda que simplificaranse os requisitos para que o acceso ás axudas sexa aínda mais áxil e doado. As novas axudas estarán dimensionadas e orientadas a cubrir as necesidades dos sectores máis afectados polas restricións segundo as previsións da evolución da pandemia previstas pola autoridade sanitaria.
A primeira convocatoria do Plan de rescate xa completou case o 80% dos pagamentos a más de 30.500 solicitantes que cumpriron cos requisitos, por un importe de 65 millóns de euros.
No que se refire concretamente á hostalaría, más de 14.700 negocios deste sector recibiron ata o de agora apoio económico directo da Xunta a través das tres liñas incluídas no Plan de Rescate, por valor de 23,7 millóns de euros. Estes datos evidencian que o 70% dos hostaleiros galegos (segundo o Instituto Galego de Estatística, Galicia conta cun total de 20.688 negocios nesta actividade) tiveron acceso ás axudas establecidas pola Xunta para facer fronte á crise económica e as restricións efectuadas por recomendación sanitaria.
Fondo de cooperación Covid-19
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, manifestou que a Xunta de Galicia foi a primeira en inxectar liquidez aos negocios, pero faise necesario a implicación de tódalas administracións máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias.
Neste senso, tanto o Goberno galego como os representantes da hostalaría propuxeron abrir unha tripla fronte para paliar o impacto económico das restricións mediante un fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta de Galicia, deputacións e os grandes concellos para salvar do peche ás empresas e autónomos da nosa comunidade, seguindo o modelo da comunidade autónoma de Valencia, onde a Generalitat aportará o 50% de dito fondo, as deputacións o 30% e os concellos o 20% restante.
O conselleiro de Sanidade, pola súa banda, explicou a situación actual da pandemia en Galicia, que xustifica a posta en marcha das medidas restritivas anunciadas hoxe para frear a preocupante incidencia actual dos contaxios.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembrou que “cada medida reflexionada que o Goberno galego activa por recomendación sanitaria, vai acompañada de compromisos reais de apoio ás actividades afectadas”. “É prioritario agora evitar perigosas interaccións sociais que afecten á saúde dos galegos e galegas, pero mantemos firme o noso compromiso de seguir ao carón dos sectores que máis se resenten nesta pandemia”, aseverou.