O 2º Plan de rescate que a Xunta prevé activar en febreiro contempla menos requisitos e maior axilidade para acceder ás axudas
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, cedlebraron hoxe un novo encontro co Cluster de Turismo e a Mesa de negociación da hostalaría
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe un novo encontro co Clúster de Turismo e coa Mesa negociadora da hostalaría de Galicia para perfilar novos apoios para persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría pechado, aos que a Xunta destinará un mínimo de 50 millóns de euros adicionais a través dun 2º Plan de rescate, que se veñen sumar aos 86,2 millóns da primeira convocatoria.
Deste xeito, nun prazo de 90 días o Goberno galego terá mobilizado preto de 140 millóns de euros destinados á axudas directas aos sectores mais afectados pola crise e as restricións sanitarias.
O Goberno galego está a traballar no deseño do 2º Plan de rescate cos interlocutores sectoriais e no marco do diálogo social, coa idea de poder activar as axudas xa no mes de febreiro. Trátase de seguir acompañando nesta fase da pandemia ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría cuxa actividade estea afectada polas medidas sanitarias activadas en xaneiro.
Tal e como afirmou Alfonso Rueda, na reunión de hoxe “transmitimos que o sector da hostalaría pode seguir contando coa Xunta de Galicia, imos axilizar os trámites para pagar mais rápido e chegar a mais xente”. Referiuse a reunión do vindeiro luns con representantes dos concellos, a través da FEGAMP, e das deputacións para tentar chegar a un acordo co obxectivo de crear un fondo de rescate común. “É o momento de sumar, de que todas as administracións nos poñamos de acordo para xuntar os esforzos e sexamos capaces de crear un fondo no que todos aportemos, sexa fácil de tramitar e que cheguen os cartos coa maior axilidade”, afirmou.
O conselleiro de Sanidade explicou aos representantes da hostalaría a situación actual da pandemia en Galicia, que xustifica a posta en marcha das medidas restritivas anunciadas para frear a preocupante incidencia actual dos contaxios.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, trasladou aos representantes do sector a vontade da Xunta de “acompañar en todo momento” os esforzos que se lle requiren á cidadanía e aos empresarios “para salvar vidas”, por medio de “ medidas reais e axudas directas que aportan liquidez para afrontar gastos e gañar viabilidade”. O sostemento das familias que dependen dos pequenos negocios “é a máxima obsesión do Goberno, que defende o mantemento máximo das empresas e dos autónomos neste momento”, aseverou.Máis áxiles e menos requisitos
Nesta fase da pandemia, e ante as novas medidas que afectan á actividade da hostalería e outros sectores, simplificaranse os trámites e requisitos para obter as axudas, de xeito que os apoios cheguen antes e a maior número de empresas. Unha das novidades propostas é que os autónomos non teñan que acreditar prestación por cese de actividade. Tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou ter pasado por un ERTE para optar ás axudas.
Ao igual que o 1º Plan, o 2º contempla liñas destinadas a autónomos e microempresas, así como unha específica ao sector da hostalaría pechado por medidas sanitarias. As tres serán compatibles entre si e os perceptores de axudas no 1º plan de rescate poderán volver solicitalas e, de cumprir os requisitos, recibilas.
No caso da hostalaría, os representantes da Xunta expuxeron hoxe a necesidade de que as axudas cheguen tanto aos establecementos que deban permanecer pechados por recomendación sanitaria coma os que soamente poidan poder servir comidas e bebidas en terrazas, para levar ou servir a domicilio.
Na xuntanza, o Vicepresidente e os conselleiros lembraron que a Xunta está aberta á colaboración das administracións locais, tal e como lle requiriron os hostaleiros galegos, para que fagan as súas aportacións contra os efectos económicos da Covid-19.Capacidade de xestión
As axudas do primeiro plan de rescate xa chegaron a día de hoxe ao 90% dos máis de 40.000 solicitantes que cumpriron cos requisitos por importe de 66 millóns de euros. A capacidade de xestión no abonamento das axudas fixo que antes de rematar o prazo de solicitude xa se efectuaran o 70% dos pagos.
De todas as solicitudes recibidas, 24.000 chegaron do sector da hostalería, das que 20.000 están abonadas. Ao se tratar de axudas acumulables, o 31% dos establecementos deste sector percibiron entre 2.700 e 3.500 euros; o 21%, entre 5.500 e 6.500 euros; e o 15,2%, entre 6.700 e 8.500 euros, por un importe total de 37 millóns de euros destinados unicamente a esta actividade.