Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

O DOG publica a resolución das axudas destinada a sufragar o custo do alugueiro de 244 locais de ocio nocturno

Fuente: Xunta de Galicia
25/01/2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución dos beneficiarios da orde de axudas dirixidas aos titulares dun contrato de aluguer de discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos que permanecen pechados desde o 15 de agosto
 
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para contribuír a sufragar os custos de alugueiro dos locais de ocio nocturno que permanecen pechados desde o pasado 15 de agosto –agás as terrazas- co obxectivo de conter o coronavirus. A través destas axudas, o Goberno galego destinou un total de 755.000 euros entre 244 titulares de discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores cun contrato de alugueiro.

Trátase de establecementos afectados pola paralización desta actividade como consecuencia das medidas adoptadas polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades, para previr e conter a covid-19.

As contías das axudas varían en función do importe mensual do alugueiro con ata 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado. Os titulares dos establecementos de ocio nocturno beneficiarios deben ter contrato de alugueiro en vigor desde este mes e telos vixentes durante un ano desde que a situación sanitaria permita a reapertura do sector, ademais de acreditar a continuidade da actividade durante ese período.

Estas axudas forman parte do Plan de reactivación de ocio nocturno, que no marco do diálogo directo co sector, inclúe tamén apoio para o mantemento do emprego e para a celebración de concertos cando sexa posible segundo a situación epidemiolóxica e se levanten as restricións sanitarias. Nesta liña, a Xunta publicará proximamente unha liña extraordinaria de subvencións, dotada con 800.000 euros, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas de concertos no marco do Xacobeo 2021 coa finalidade de lles achegar liquidez aos locais de música ao vivo para enfrontar os efectos do seu peche durante estes meses e retomar a súa actividade.

Ademais, o Goberno galego xa está a perfilar o segundo Plan de Rescate para autónomos e microempresas e unha liña específica ao sector da hostalaría pechado por medidas sanitarias, que contará cun mínimo de 50 millóns de euros, que se veñen a sumar aos 86,2 millóns de euros da primeira convocatoria, dos que este mes se rematarán de abonar as axudas de tódalas solicitudes.