Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

O segundo Plan de rescate da Xunta incluirá axudas específicas para os ximnasios

Fuente: Xunta de Galicia
03/02/2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, reuníronse hoxe por videoconferencia coa Plataforma galega pola educación física, actividade física e o deporte
   
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela unha xuntanza cos representantes da Plataforma galega pola educación física, actividade física e o deporte para informar ao sector das novas axudas que a Xunta activará con carácter inmediato, con apoios específicos para os ximnasios, no marco do segundo Plan de Rescate.

A Xunta vén de rematar a rolda de contactos cos representantes do diálogo social (Confederación de Empresarios de Galicia, UXT e CCOO) e cos interlocutores das persoas traballadoras autónomas para pechar o deseño do segundo Plan de Rescate. Tal e como destacou a conselleira, o Goberno galego “está a tramitar as ordes administrativamente para que se publiquen de xeito inmediato”. Neste sentido lembrou que a Xunta conta con 75 millóns de euros neste segundo plan que, sumados aos 86,2 millóns mobilizados a finais de ano supoñen apoios directos por enriba dos 160 millóns en apenas 90 días.

Entre as novidades, o novo Plan contará cunha liña específica de axudas para outros sectores -diferentes ao da hostalería- que tamén deben permanecer pechados a causa das restricións sanitarias adoptadas desde o pasado xaneiro e entre os que se inclúen os ximnasios que, como indicou Lorenzana, vense directamente afectados polas medidas adoptadas pola Xunta para preservar a saúde das galegas e galegos.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou a importancia desta liña de axudas para un sector estratéxico como é o do deporte e a actividade física. Neste sentido subliñou algúns datos como os facilitados polo Foro Económico de Galicia que aseguran que o deporte representa o 2,3% do Produto Interior Bruto galego. Ademais, segundo os rexistros do Directorio Central de Empresas de 2019, Galicia contaba con preto de 2.300 empresas relacionadas co deporte.

Os representantes autonómicos puxeron en valor o consenso acadado cos autónomos, patronal e sindicatos e os contactos cos interlocutores sectoriais das actividades especialmente afectadas pola pandemia, como o celebrado hoxe, para poñer en marcha as novas axudas.

O segundo Plan de rescate activarase de inmediato para que as contías económicas cheguen a máis, con menos requisitos, máis rápidas e acumulables co primeiro Plan de rescate.

O importe das axudas será maior en función das porcentaxes de perda acreditadas polos solicitantes. Ademais flexibilizaranse os requisitos. Así, en comparación co primeiro plan, que achegou os pagamentos en tempo récord, agora os autónomos non terán que acreditar ser beneficiarios de prestación por cese de actividade. No caso das microempresas, tampouco se lles esixirá ter activo ou ter pasado por un ERTE para ter acceso aos cartos.

Ademais dos ximnasios, o Plan disporá axudas específicas para outros sectores diferentes ao da hostalería que tamén deben permanecer pechados a causa das restricións sanitarias como son os negocios de ocio infantil ou actividades de feira, entre outros.