A Xunta ampliará o alcance do Plan de Reactivación da Cultura cunha nova inxección de 23 M€ neste primeiro trimestre
O conselleiro referiuse ao lanzamento de novas liñas de apoio aos profesionais que permitirán seguir preservando o emprego e deseñar e apoiar novos formatos
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos presidentes do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes e da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, onde avanzou que a Xunta de Galicia ampliará o alcance do Plan de Reactivación da Cultura cunha nova inxección de 23M€ neste primeiro trimestre.
A reunión celebrada na Cidade da Cultura, onde o conselleiro estivo acompañado polo seu equipo, serviu para poñer en común coas principais institucións culturais o contexto actual e escoitar as súas reflexións e propostas. Estes encontros forman parte de actividade cotiá dos diferentes cargos da Consellería e terán continuidade nos vindeiros días, nos que están previstas reunións con distintos axentes sectoriais.
Como explicou, os resultados das políticas e investimentos realizados polo Goberno autonómico desde que comezou a pandemia no eido cultural constátanse, afirmou, nas 4.500 iniciativas culturais postas en marcha o ano pasado, cando se reprogramaron espectáculos, se apoiou aos profesionais desta industria e se promoveu a cultura segura. A Xunta destinou xa 26M€ ao abeiro do Plan de reactivación para o sector cultural galego, un plan “vivo e dinámico” que agora entra nunha nova fase, indicou.
“Queremos seguir protexendo o emprego cultural, incentivando o consumo e deseñando e apoiando novos formatos que permitan que a actividade continúe a pesar da pandemia. O Plan da Xunta non é unha foto fixa, evoluciona en función das circunstancias e por iso estamos xa ampliando o seu alcance”, engadiu o conselleiro.Salas de concertos ou cines
Como proba disto, explicou que o Goberno galego está levando a cabo desde o inicio deste ano unha serie de accións non previstas no plan inicial “froito da proximidade e o diálogo cos sectores culturais”, expresou. Trátase, por exemplo, da recente publicación de axudas ás salas de concertos ou o compromiso de asumir os cachés dos non celebrados na Rede Galega de Música ao Vivo. “Pero estas accións non son únicas e nas próximas semanas lanzaremos novas liñas de apoio nas que estamos a traballar, como as dirixidas ás salas de exhibición cinematográfica”, detallou.
Neste sentido, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está xestionando e publicando xa as primeiras medidas recollidas nas partidas de investimento cultural para este trimestre. Está previsto que se invistan 23 millóns de euros máis de inxección económica mediante convenios ou ordes de subvención que repercutirán nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.Axudas directas ao sector
Un 27,4% máis de orzamento
“A Xunta está coa cultura de xeito incondicional”, engadiu o conselleiro. Neste sentido, expuxo que xunto a estas medidas específicas os profesionais da cultura teñen tamén á súa disposición outras de carácter xeral como o segundo plan de rescate para autónomos e pemes promovido pola Xunta cun investimento de 75 millóns, neste caso para obter axudas directas que palíen situacións de inactividade.
O conselleiro de Cultura referiuse, ademais, aos retos que Galicia ten por diante neste inicio de lexislatura que repercutirán na cultura, como o Xacobeo 2021-22 ou a captación de fondos europeos para a recuperación socioeconómica. Neste sentido activáronse varias liñas de traballo no ámbito da cultura e das súas industrias. Nos orzamentos da Xunta para este ano consignouse unha partida para a creación dun hub do audiovisual e das industrias creativas cunha dotación de 9,6M€ e incluíronse tres proxectos de ámbito cultural nas solicitudes de fondos europeos para a dixitalización da cultura ou a creación e distribución de contidos culturais, entre outras.
Román Rodríguez gabou o esforzo de centos de profesionais para superar a difícil situación actual e comprometeu todo o apoio da administración autonómica. Apuntou tamén á importancia da colaboración doutras administracións no apoio á cultura e manifestou o seu desexo de que todas contribúan á súa recuperación.
Os novos investimentos previstos permitirán continuar avanzando xunto co sector para salvar o emprego e manter a industria cultural, da que dependen directamente en Galicia 30.000 profesionais e as súas familias. Este compromiso compleméntase co incremento do 27,4% nos orzamentos da Xunta destinados á cultura e aprobados a semana pasada. Só a Consellería destinará en 2021 máis de 94 millóns de euros para a cultura de Galicia, o que supón 20 millóns de euros máis que o ano anterior.