As empresas poderán comunicar desde mañá ante a Xunta o cambio de ERTE sen necesidade de tramitar un novo expediente
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que simplifica a tramitación dos cambios entre modalidades de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) promovidos polos empresarios para adaptarse ás medidas sanitarias decretadas en cada momento
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde que simplifica a comunicación, por parte dos empresarios da Comunidade, do cambio de modalidade nos seus Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) –de forza maior de impedimento ao de forza maior de limitacións da actividade e viceversa- e evitar que teñan que cursar unha nova solicitude.
Deste modo, a Administración autonómica, como Autoridade Laboral competente na tramitación dos expedientes, facilita que os empresarios con traballadores en ERTE poidan adaptar os seus expedientes ás cambiantes medidas sanitarias aprobadas en cada momento polas autoridades.
O novo procedemento ponse a dispor dos interesados por medio da Sede Electrónica da Xunta. As empresas poderán trasladar á Xunta o cambio na situación dos seus traballadores sen necesidade de iniciar un novo expediente, o que permitirá á Autoridade Laboral galega tramitar aínda con maior axilidade as súas peticións para dar traslado das mesmas ao Goberno do Estado, para que as execute e proceda aos pagos das prestacións.
Mediante este mecanismo basta con que os empresarios aporten a data de efecto do cambio, os centros e persoas afectadas e xustifiquen que as novas circunstancias son de coñecemento dos representantes das traballadoras e traballadores.
A empresa deberá aplicar as porcentaxes de exoneración das cotas da Seguridad Social correspondentes, en función do tipo de ERTE vixente en cada momento, mediante a presentación da declaración responsable ante a Tesorería General de la Seguridad Social. A Xunta trasladará dita comunicación á Inspección de Trabajo y Seguridad Social, para que desenvolva as accións de control que considere.
Constitúe unha prioridade da Xunta simplificar a tramitación administrativa e descargar de burocracia nestes momentos difíciles aos empresarios. O Goberno galego está a facelo; de feito xa está a sacar adiante as solicitudes de ERTE en prazos medios por debaixo dos cinco días.
Co novo procedemento, facilítase o acceso das empresas ao modelo de ERTE máis axeitado segundo as restricións declaradas polas autoridades sanitarias en cada momento, simplificando os trámites administrativos, o que, á larga, permitirá unha xestión máis rápida das prestacións.
A nova tramitación acompañarase dunha campaña informativa que desde hoxe mesmo desenvolverá a Consellería de Emprego e Igualdade en contacto cos axentes tramitadores dos expedientes de regulación de emprego, tales como asesorías ou os graduados sociais.