O alcalde de Vigo abordará coa ministra de Turismo as axudas ao sector hoteleiro
Tralo encontro mantido este mércores con Jaime Pereira, presidente da Asociación de Hoteis de Vigo, que lle trasladou a "difícil situación" pola que atravesa o sector cun nivel "moi baixo de ocupación", o rexedor reclama á Xunta de Galicia que lles dea as axudas que lles corresponden e que non lles están chegando.
Abel Caballero informou de que se reunirá con Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo, a quen lle propoñerá a necesidade de artellar axudas ao sector hoteleiro xa que, no caso de Galicia, o goberno da Xunta "non está repartindo as achegas e está facendo caixa coas axudas que lle dan".
O alcalde apuntou que grandes hoteis da cidade están recibindo "2.000 ou 3.000 euros que non lles chegan nin para a apertura dun día" polo que a axuda "máis importante recíbena dos ERTE do goberno de España" e criticou que a Xunta "non estea tomando en serio as consecuencias económicas" da pandemia, detallando que recibiu máis de 400 millóns de euros dos fondos REACT-EU dos que non destina "nada para pequeno comercio, autónomos ou hostalería".
Amais, sinalou Caballero que lles transmitirá ás ministras de Traballo e Turismo a necesidade de "manter os ERTE o tempo preciso. Non pode haber data límite porque a recuperación do turismo e dos hoteis vai moito máis lenta do que se prevía en España e en Europa".
Na reunión deste mércores con Jaime Pereira, presidente de Ahosvi, o rexedor explicoulle que os asesores Covid do Concello están mantendo contacto cun número importante de hoteis da cidade cos que confirman que "os descensos de facturación o ano pasado foron moi altos, de case o 70%, polo que precisan axudas" e "vai haber que repropoñer as achegas de Europa" incidindo na urxencia de que "se reordeen" dada a "falta de transparencia" no caso da Xunta de Galicia que "está facendo caixa".