Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

A Xunta activa as axudas do segundo Plan de rescate dirixidas a autónomos e microempresas, que poderán solicitarse a partir de mañá

Fuente: Xunta de Galicia
18/02/2021

A orde de axudas específica para hostaleiros e outros negocios pechados -como ximnasios ou parques infantís- publicarase no DOG o próximo luns
   

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da liña xenérica de axudas -a dirixida a persoas traballadoras autónomas e microempresas- do 2º Plan de Rescate co que a Xunta quere acompañar aos empresarios nesta nova fase da pandemia. A orde de axudas dirixida especificamente aos establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas medidas sanitarias desde xaneiro -como ximnasios ou parques infantís-, publicarase no DOG o próximo luns.

O segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada hoxe, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial, posto que o primeiro Plan de Rescate estivo dotado con 86 millóns de euros.

Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros.

As persoas traballadoras autónomas e microempresas poderán solicitar os apoios desde mañá venres, e durante o prazo dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.

Autónomos

Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. As contías serán máis elevadas para os empresarios que teñan máis caídas na facturación. Así, establécese un baremo a partir de 1.200 euros para baixas na facturación de entre o 45% e 60%; 2.000 euros (entre o 60% e o 70%) e de 3.000 euros nos casos máis graves (caída do 70% ou máis).

Microempresas

Para microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, os apoios irán dos 4.000 aos 9.000 euros. Tamén neste caso adáptanse as contías en función das perdas: 4.000 euros (de -45% a -60%), 5.000 euros (entre -60% e -70%) e 6.000 euros (-70% ou máis). Estas cantidades incrementaranse de acordo co número de persoas traballadoras ao cargo, percibindo os empresarios 1.000 euros a maiores se contan de 4 a 9 empregados; 2.000 euros máis en negocios entre 10 e 20 empregados; e 3.000 euros con cadros de persoal de 21 a 25 persoas.
Novidades

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago.

Deste xeito, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

O Goberno galego segue a acompañar con axudas directas aos empresarios que enfrontan con maiores dificultades esta fase da pandemia. Cos apoios preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego. Por este motivo elimináronse requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.
Dúbidas

A Xunta, ademais, para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade ten activa a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es para informar en todo momento das novidades. A app pódese descargar para teléfonos con iOS nesta ligazón e para Android nesta ligazón. Ambas as dúas ligazóns están dispoñibles na páxina web de Gohu.

A tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

O luns a Xunta completará a activación do 2º Plan de rescate, coa convocatoria no DOG da nova liña de axudas automáticas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes...), dotada con outros 15 millóns de euros. Ao ser compatible coas de autónomos e microempresas, a contía máxima a percibir polos negocios no segundo plan poderá elevarse ata os 15.700 euros.