Máis de 20.000 familias galegas e 700 autónomos e pemes aforrarán na súa factura enerxética grazas ás axudas do Plan Renove Electrodomésticos e do Bono Enerxía Peme
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que máis de 20.000 familias galegas e 700 autónomos e pemes aforrarán na súa factura enerxética grazas ás axudas do Plan Renove Electrodomésticos e ao Bono Enerxía Peme e Comercio.
Así, no eido do Programa Renove Electrodomésticos, Feijóo destacou un total de 20.272 axudas, nunha convocatoria que esgotou o crédito en dous meses. Subliñou que estes apoios teñen dous obxectivos esenciais: axudar aos fogares a facer fronte á súa factura enerxética grazas a novos electrodomésticos máis eficientes e cun menor consumo; á vez que se dinamiza a actividade comercial favorecendo unha mobilización de 10,5M€ e permitindo manter ao redor de 150 postos de traballo.
Por tipo de electrodomésticos, Feijóo destacou que as tipoloxías máis demandadas foron: as lavadoras -con máis da metade das solicitudes, 10.872-, seguido de frigoríficos conxeladores -4.468-, placas de cociña -3848-, lavalouzas -881- e conxeladores -203-.
Así mesmo, cómpre salientar que esta convocatoria tamén busca un cambio cultural nas familias para avanzar na descarbonización da economía. Non en van, permitirá aforrar 4.050MWh/ano e un impacto equivalente na redución de CO2 ao de plantar 60.000 árbores.
No tocante ao Bono Enerxía Peme e Comercio, Feijóo subliñou que os interesados terán ata o 6 de agosto para solicitar esta axuda. Ata o de agora, o programa xa ten reservado 2,6M€ do orzamento para 640 solicitudes -312 do sector hostaleiro, 279 do comercio, 24 de actividades artísticas-recreativas e de entretemento e 25 doutros servizos-.
Cómpre salientar que, no seu conxunto, o programa Renove Electrodomésticos e o Bono Enerxía Peme e Comercio permitirán: unha mobilización de 15,5M€; aforros enerxéticos de 7.000MWh/ano; unha redución de CO2 equivalente a plantar 105.000 árbores; así como o mantemento de máis de 200 postos de traballo.
Por último, Feijóo avanzou tamén unha nova ampliación do Bono Eléctrico Galego, que este ano xa se concedeu a 3.814 fogares, debido ao alto prezo que está a alcanzar a factura da luz.