Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

Caballero cifra en 13 millóns o que Vigo recibirá de fondos europeos para transporte

Fuente: Concello de Vigo
09/09/2021

A cidade opta ao concurso aberto no marco do Next Generation EU e tamén presentará candidatura á liña europea para plans de turismo en destino. Logo dunha reunión coa ministra de Política Territorial, o alcalde constatou a “vocación do Goberno de España de atender aos concellos” e adiantou que Vigo verá aumentados nun 13% os ingresos das entregas a conta no 2022

O alcalde e presidente da FEMP, Abel Caballero, participou este xoves nunha reunión coa ministra de Política Territorial e voceira do Goberno de España, Isabel Rodríguez, unha entrevista celebrada en Madrid “nun clima de cordialidade absoluta” no que Caballero constatou a “vocación do Goberno de España de atender aos concellos en relación aos fondos europeos”.

En particular, Abel Caballero citou dous concursos abertos no marco do Next Generation EU: para transporte (onde Vigo recibirá uns 13 millóns, segundo trasladou) e para plans de turismo en destino. A cidade olívica presentará a súa candidatura tamén a esta segunda liña co seu “proxecto turístico en marcha”, manifestou o rexedor, quen citou como exemplo os datos de ocupación hoteleira deste verán ou a campaña do Nadal vigués.

En declaracións ao remate da cita, o alcalde indicou que a ministra ofreceu información sobre outras posibilidades que se abrirán aos municipios en relación co programa europeo de reconstrución trala Covid. Así, Caballero citou áreas como a rehabilitación de edificios públicos, a eficiencia enerxética, o transporte eficiente ou ámbitos ambientais, nos que Vigo tamén prevé optar.

Por outro lado, Vigo recibirá o ano que vén un 13% máis de fondos procedentes do Estado con cargo ás entregas á conta, un aumento “importantísimo”, en verbas de Caballero, que demostra a “disposición do Goberno de España na atención aos concellos”. “Poderemos levar adiante un investimento importantísimo de fondos europeos xa no ano 2022”, subliñou o alcalde, cifra á que haberá que incorporar o orzamentado polo propio Concello e a participación ao efecto da Deputación e da Zona Franca, sinalou.

Contexto estatal

Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e Ministerio de Política Territorial coincidiron na necesidade de avanzar coa maior celeridade posible nas reformas da Lei de Bases de Réxime Local que faciliten aos Gobernos Locais o exercicio de competencias e investimentos necesarias para avanzar na recuperación social e económica tras a pandemia. Así mesmo, ambos os organismos colaborarán para facilitar aos Consistorios a xestión e execución dos Fondos europeos para a recuperación.

Abel Caballero destacou o papel dos Gobernos Locais durante a pandemia e os avances na consecución das súas demandas de tipo económico e financeiro, das que destacou, entre outras, a suspensión das regras fiscais, que permitiu mobilizar case 14.000 millóns de euros de remanentes das Entidades Locais, as entregas a conta ou, máis recentemente, a condonación de 3.500 millóns de euros correspondentes á liquidación negativa da PIE de 2020. Persiste, lembrou, a reclamación do Fondo COVID, as medidas para adoptar para axudar aos municipios que atravesan dificultades económicas, e o avance na demanda do 15% de participación dos Gobernos Locais nos Fondos Europeos que reciben as Comunidades Autónomas pero que implican actuacións no ámbito local.

Para Caballero, os Gobernos Locais contan con proxectos maduros e transformadores para os seus territorios, “preparados para ser executados de forma inmediata e que tamén xeran emprego” e que permitirán avanzar na recuperación, mentres que hai Comunidades Autónomas que “non van ser capaces” de executar os seus propios proxectos. Así mesmo, insistiu en reivindicar a participación dos Gobernos Locais nos ingresos das CCAA porque, lembrou, “a Constitución di que unha parte do financiamento municipal ten que vir das comunidades Autónomas”.

Na súa intervención no acto, o alcalde vigués e presidente da FEMP mostrou o seu recoñecemento pola presenza da Federación nos Consellos e Conferencias Sectoriais constituídas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e insistiu en que esa presenza local debería ser, en todas elas, “con voz e voto”.

A ministra Isabel Rodríguez, anterior alcaldesa de Puertollano, transmitiu “no nome do Goberno de España a gratitude a todo o municipalismo, aos alcaldes e as alcaldesas pola lealdade institucional que mantiveron nos peores momentos da crise sanitaria e económica que atravesou o noso país e o mundo enteiro”, e subliñou o protagonismo e a presenza que o mundo local vai ter na modernización e recuperación do noso país “na xestión de fondos e tamén protagonizando e liderando os grandes cambios e transformacións”, incorporando aos municipios e á cohesión territorial na estratexia dos proxectos máis importantes.