Página Principal

Listado de ayudas

NOTICIAS ECONÓMICAS#COVID-19

Feijóo avanza a posta en marcha dun paquete de axudas dirixidas ao sector turístico cun investimento de 15,8 M€

Fuente: Xunta de Galicia
09/09/2021

Precisa que os beneficiarios destas axudas serán as axencias de viaxes, os establecementos hostaleiros e os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Lembra que se unen a outras medidas postas xa en marcha ao longo deste ano destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega, que suman en total case 120 M€

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación este mes dun paquete de novas medidas para inxectar liquidez e impulsar a renovación do sector turístico galego, cun investimento total de 15,8 M€.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que os beneficiarios destas axudas serán as axencias de viaxes, os establecementos hostaleiros e os concellos de menos de 10.000 habitantes.

En concreto, explicou, 350.000 euros irán dirixidos ás axencias de viaxes galegas, 6 M€ destinaranse a subvencionar investimentos en equipamentos postcovid dos establecementos hostaleiros, outros 6 M€ permitirán promover a dixitalización e a mercadotecnia dixital entre os establecementos hostaleiros e, por último, 3,5 M€ dirixiranse aos municipios para que melloren a súa oferta turística con actuacións de embelecemento.

Nese sentido, o presidente da Xunta lembrou que estas achegas únense a outras postas xa en marcha ao longo deste ano destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega que suman en total case 120 M€. Así como outras axudas postas á disposición tanto dos concellos como dos consumidores para incentivar o consumo como a Tarxeta Bono Turístico.